Xestión financeira
A xestión financeira é un elemento clave para a comprobación do cumprimento dos procedementos de control económico que sustenta unha organización.
Ter un control financieiros implica abordar os seguintes procesos:
- tesourería, contas
- activos fixos
- contas por pagar e cobrar
- nóminas
- custe de produtos e servizos
- análise e conciliacións
- información financeira e de xestión
Nesta sección preténdese dar unhas definicións básicas sobre xestión financeira facendo fincapé nos criterios de selección de inversións, onde se entra a explicar os dous termos máis empregados para determinar a idoneidade dunha inversión: o VAN e o TIR.
Para levar a cabo a súa actividade, unha empresa precisa o que se denomina:
- activos tanxibles (maquinaria, ferramentas, edificios, ...)
- activos intanxibles (patentes, marcas, software, ...)
Outra clasificación a ter en conta é a que as divide en activos fixos ou aqueles que permanecen no ciclo produtivo máis dun ano e activos circulantes ou que teñen unha permanencia menor dun ano.
A raíz disto último convén non perder de vista un concepto chamado Fondo de Manobra (FM) que se define como a cantidade de diñeiro e materiais que a empresa necesita ter en inventario de xeito permanente para asegurar a non interrupción do seu proceso produtivo, e implican a:
- Clientes: en que períodos imos cobrar o que se nos debe
- Existencias: canta materia prima teño, canta en fabricación e canto produto final
- Tesourería: canto diñeiro teño dispoñible
- Provedores: en que períodos imos pagar o que debemos
Para establecer a súa estrutura económica a empresa debe contar cunha estrutura financeira que vai a depender das decisións de inversión e financiamento que se tomen:
- A inversión consiste en adquirir certos bens a través de capital financeiro co fin de obter rendementos ou rendas futuras e caracterízase por ser estratéxica.
Toda inversión está intimamente ligada cunha decisión de financiamento polo que a decisión final pode ter como pautas base as seguintes:- A empresa debe ser considerada como un todo polo que non se debe establecer unha única fonte de financiamento para cada proxecto, senón que se debe calcular o custe do proxecto e como vai repercutir sobre todas as fontes de financiamento da empresa.
- O custe de capital debe ser o mínimo posible
- Que medio de financiamento se vai a utilizar: fondos propios da empresa, financiamento con débeda, renting, forfaiting, etc
Relacionado co anterior e co gallo de saber a idoneidade dunha inversión para a nosa empresa imos botar man dos criterios VAN e TIR.
O VAN (Valor Actual Neto) é un valor numérico que nos indica a diferencia entre o rédito que produce unha inversión e o custe da mesma. Dun xeito formal e da maneira máis sinxela:
VAN = Valor actual de todos os cobros – valor actual de todos os pagos
En termos absolutos se o VAN é maior que cero a inversión será aceptable, e ao contrario se é menor que cero. Débese ter en conta que sobre a inversión hai que establecer unha marxe de beneficio.
Para facer pequenas simulacións sobre o cálculo do VAN recomendámosche a web de Abanfin.
O TIR (Tasa Interna de Retorno) é unha taxa de desconto (tipo de xuro) que fai que o VAN sexa cero.
Formalmente
VAN = 0 = Σi=1...n BNi / (1+TIR)i
sendo:
- VAN: Valor Actual Neto
- BNi: Beneficio Neto do Ano i
O TIR é unha medida de rendibilidade do proxecto que non nos indica claramente se éste é ou non aceptable.
Un TIR de 5,25% por si só non nos di nada, polo que para determinar se unha inversión é aceptable ou non deberemos comparar esta cantidade coa rendibilidade que desexamos sacar coa inversión.
Dende esta web poderás acceder a un simulador de viabilidade empresarial onde se avalían os criterios anteriormente descritos.
Á hora de facer unha inversión hai que ter en conta como se lle vai facer fronte ao gasto xerado a través dalgunha fonte de financiamento. Basicamente existen dous tipos de financiamento:
- Autofinanciamento ou que involucra a recursos propios da empresa. Son aqueles medios financeiros que a empresa obtén sen necesidade de recorrer ao exterior. Soen clasificarse en:
- Os que proveñen de aportacións dos propietarios
- Os beneficios que xera a propia empresa
- Subvencións para financiar inversións ou axudas aportadas por terceiros sen compromiso de devolución
- Financiamento externo. Dependendo do tempo e a fonte existen multitude de tipos de financiamento externo, sendo o máis habitual para as PEMES a utilización de préstamos e créditos a longo/curto prazo.
- A longo prazo, un préstamo é aquela operación financeira pola que unha persoa chamada prestamista, se compromete a entregar dunha soa vez a outra persoa, chamada prestatario un capital nun momento dado, a cambio de que éste último o devolva xunto cos xuros pactados nun período longo de tempo.
O habitual é que se devolva o capital e os xuros mediante varios pagos ao longo do ano. Nesta web podes ver unha serie de enlaces a simuladores e información sobre préstamos.
Tamén podes ir á web de calquera banco e buscar un simulador de hipotecas e préstamos.
- A curto prazo. A empresa pode necesitar botar man de créditos a curto prazo para manter o equilibrio da súa tesourería. Existen multitude de modalidades neste tipo de financiamento. Na páxina web de abanfin poderás encontrar simuladores relacionados con esta temática aínda que a continuación poderás ver un pequeno resumo de cada unha das formas de financiamento que dende GaliciaPMS consideramos máis importantes:
- Crédito de provedores. Trata de negociar un crédito por parte dos provedores da materia prima para poder desenvolver a actividade empresarial. Ás veces pode ser máis interesante aproveitarse dos descontos por pronto pago que ofertan os provedores.
- Préstamo simple a curto prazo. Soen utilizarse para non retrasar a operación de inversión. Xestiónanse máis rápido e soen ter un custe menor que os crédito a longo prazo.
- Desconto comercial. A finalidade desta fórmula é a de poder dispoñer anticipadamente do importe das ventas realizadas a terceiros mediante efectos comerciais (letras de cambio, pagarés, recibos, ...). Consiste en que unha entidade financeira lle abre unha conta cunha liña de desconto na que se especifica o importe máximo de efectos comerciais (letras de cambio, ...). A empresa, pola cesión destes efectos, recibe un abono en conta cun valor líquido inferior ao valor nominal dos mesmos, sendo o motivo desta diferencia a comisión e intereses que cobraría a entidade financeira polo servizo prestado.
- Factoring. É un contrato permanente entre unha empresa e unha sociedade polo cal a segunda lle compra as débedas da empresa e se encarga do cobro das mesmas. É dicir, existe unha terceira entidade que actúa de intermediario entre a nosa empresa e os clientes, e cuxa tarefa consiste en cobrar os pagos pendentes destes últimos. A principal vantaxe deste sistema é que a entidade intermedia asume o risco de impago unilateralmente.
- Forfaiting. Supón a compra de efectos aceptados, créditos documentarios e outras formas de promesas de pago utilizadas no comercio internacional. Para máis información consulta
- Confirming. É un medio de formalizar as operacións de pagos entre unha empresa e os seus provedores a través dun intermediario financeiro que asume o risco da operación.
- Leasing. É un tipo de financiamento que pode ser utilizada a medio e longo prazo. É un contrato de arrendamento polo cal unha empresa pode dispoñer da utilización dun ben a cambio de pago de cuotas periódicas con opción de compra ao final do período de arrendamento. Existen varias modalidades: lease-back, leasing operativo, leasing financeiro, ... O leasing soe utilizarse para a compra de maquinaria, vehículos industriais e bens de equipo.
- Renting. É similar ao leasing pero ligado a mobles non funxibles, tanto produtivos como de consumo, que necesitan mantementos e soen estar sometidos a unha depreciación acelerada.
Para máis información consulta a sección de financiamento de proxectos na web de byGalicia.