Banner da portada



Inicio>Novas>Detalle

26/04/2010
Economía e Industria convoca as axudas para a solicitude de títulos de propiedade industrial por parte das empresas

A Consellería de Economía e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde de convocatoria das axudas para o fomento da propiedade industrial no exercicio 2010, cunha dotación de 770.000 euros

 

O obxectivo destas axudas é fomentar a protección da propiedade industrial en Galicia, tanto a nivel nacional como internacional, para garantir a plena explotación dos resultados do desenvolvemento da innovación empresarial. Deste xeito, a Consellería se Economía e Industria busca impulsar a protección non só das innovacións técnicas ou invencións, senón tamén das innovacións de forma, relacionadas cos deseños industriais, así como as de imaxe, que teñen que ver cos signos distintivos.

Mediante esta liña de axudas as empresas poderán obter financiamento para tramitar as solicitudes de calquera título de propiedade industrial: invencións, deseños industriais e signos distintivos: Nos conceptos subvencionables inclúense todos os trámites que sexan necesarios para a solicitude do titulo correspondente e que supoñan o pagamento de taxas ante as oficinas de propiedade industrial, así como a transformación ou a extensión territorial de títulos existentes.

Tamén se financiará o mantemento de calquera título de propiedade industrial. Neste concepto inclúense todos os trámites correspondentes á renovación de marcas, nomes comerciais e deseños industriais e á renovación e posta en explotación de patentes e modelos de utilidade.

A suma das subvencións percibidas por un mesmo beneficiario, resultado de ter presentado unha ou varias solicitudes ao abeiro desta convocatoria, non poderá superar os 36.000 euros.

Esta actuación enmárcase na estratexia da Consellería de Economía e Industria para impulsar o crecemento económico e social de Galicia mediante a mellora da súa capacidade científico-tecnolóxica, facilitando a participación das empresas nos procesos de innovación e a extensión dos beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega.

En concreto, esta orde inscríbese entre as accións promovidas pola Xunta de Galicia de cara a incrementar a competitividade das empresas galegas mediante o estímulo da innovación nas organizacións en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos organizativos e produtivos da empresa.



URL fonte





Correo web

Enterpemes

Directorio de Empresas

Temas empresariais