Case a metade das pequenas e medianas empresas de Galicia, un 44%, dispón de páxina web, tal e como indica o último observatorio sobre tecnoloxías da información realizado nas catro provincias desta comunidade, que sinala que practicamente a totalidade das pemes galegas dispón de computadores.
O 82% das empresas consultadas neste informe afirma que se conecta de xeito habitual a Internet para consultar prezos da competencia e obter informacións habituais de mercado, talles como as tendencias ou avances de cada sector.
Con todo, unicamente un 6% das pemes que participaron neste estudo comercializa os seus produtos a través da Rede, porcentaxe que aumenta ata o 13% se nos referimos ás empresas que realizaron algunha compra por esta canle.
Os principais argumentos que esgrimen as pemes galegas para xustificar o seu receo ao comercio electrónico varían desde a inadaptación dos produtos a Internet ata unha teórica pouca preparación dos clientes para comprar de xeito electrónico ou a falta de percepción de beneficios tanxibles.