O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, mantivo en A Coruña un almorzo de traballo con novos empresarios aos que recoñeceu como garantía sólida para enfrontar o presente e como esperanza de futuro para dinamizar o tecido empresarial galego. Durante o desenvolvemento do encontro organizado en A Coruña polo ITE Caixa Galicia en colaboración coa Asociación de Xóvenes Empresarios da Coruña, Javier Guerra Fernández animou aos novos emprendedores a buscar o apoio da Xunta de Galicia para impulsar novos investimentos, para consolidar as súas empresas mediante iniciativas de mellora da competitividade ou para procurar o bo funcionamento das súas sociedades nestes momentos de dificultades económicas.
O titular de Economía e Industria estimou fundamental que se creen novas empresas porque os novos empresarios, dixo, chegan con ideas innovadoras que proxectan efectos positivos sobre o tecido empresarial, efectos positivos especialmente necesarios en momentos como os actuais. Guerra Fernández salientou que o seu departamento ofrece, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), importantes apoios para facilitar os investimentos dos emprendedores. Referiuse en concreto ás subvencións a fondo perdido para novos investimentos a partir de 50.000 euros, aos préstamos directos, con fondos BEI, e aos préstamos subsidiados ou avalados no marco do programa re-imaXina, entre outros instrumentos e servizos de apoio.
Javier Guerra destacou que os organismos de promoción económica que dependen do seu departamento, o Igape, BIC Galicia e Xesgalicia, ofrecen un amplo catálogo de servizos ao emprendedor que quere facerse empresario, aos titulares das pemes que precisan medrar, consolidarse e saltar aos mercados exteriores, e ás empresas que precisan solucións de financiamento de circulante ou refinanciamento de pasivos para superar a crise e seguir funcionando con normalidade. Neste mesmo sentido, lembrou a recente posta en marcha, a través de BIC Galicia, do Servizo de Apoio ao Autónomo, destinado a achegar información, formación e asesoramento ao colectivo, especialmente sensible, nestes momentos de crise.