O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou o acto conmemorativo do XXX aniversario da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao para comprometer o máximo apoio da Xunta na “expansión, crecemento e innovación” deste complexo. Neste sentido, Feijóo lembrou que o seu goberno “está a traballar nos estudos previos da nova estrada da conexión da A-52 coa N-525”, proxecto que, cando se remate, favorecerá o desenvolvemento das actividades empresarias tanto no “polígono de San Cibrao como no Val de Rábeda”.
Ademais, o mandatario galego recordou que están comprometidas “as partidas para a reparación dos viais do Polígono” ao tempo que a Xunta “ten activadas diferentes medidas para que o Polígono de San Cibrao das Viñas sexa aínda mais atractivo para os potenciais inversores”. Así mesmo, e dentro deste ámbito, Núñez Feijóo mencionou o importante labor levado a cabo pola Consellería de Economía e industria na aprobación dos “plans de avais, Rebrote, Resolve e Reimaxina”, que están a dar soporte ás empresas nas súas decisións e proxectos.
Todo elo sen esquecer a recente aprobación, por parte do Consello da Xunta, do “Plan de Solo Empresarial que “nos próximos tres anos incrementará un 134% a superficie de solo industrial de Galicia, supondo un investimento nesta lexislatura de mais de 2.300 millóns de euros e a creación duns 61.000 empregos”.