As seis asociacións de autónomos con presenza en Galicia (Feaga, Ata, Upta, Ceat, Oap e Caype) valoran cun sobresaínte o Servizo de Apoio ao Autónomo posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria a través de BIC Galicia, segundo se recolle nunha enquisa elaborada durante este es de decembro para analizar o grado de aceptación do servizo entre este colectivo empresarial.
A puntuación media obtida por esta iniciativa, que xurde como resposta a unha necesidade manifestada ante este departamento polos representantes das organizacións de autónomos, preocupadas pola especial fraxilidade que presenta este colectivo ante a situación económica actual, é de 4,42 puntos sobre cinco, o que equivale a un nove sobre unha base de 10.
As asociacións de autónomos galegas que fixeron posible a enquisa valoran coa máxima nota a web do Servizo de Apoio, www.autonomosgalicia.org, e as guías e cadernos explicativos que BIC Galicia pon a súa disposición. A oferta formativa e o servizo de asesoramento tamén obteñen puntuacións altas.
Achegar ferramentas e servizos permanentes e gratuítos de formación, información e asesoramento especializado aos autónomos galegos é o obxectivo do Servizo de Apoio ao Autónomo impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través da sociedade BIC Galicia. Os principais referentes deste servizo son o portal web www.autonomosgalicia.org, que recibiu máis de 6.000 visitas nos máis de catro meses que leva funcionando, e a colección Cadernos do Autónomo, que contabiliza numerosos títulos destinados a achegar información especializada sobre os asuntos que máis preocupan a este colectivo empresarial, de importancia estratéxica en Galicia.
En torno á plataforma www.autonomosgalicia.org os autónomos galegos poden acceder a diferentes recursos, tales coma guías de oportunidades de negocio, manuais prácticos de xestión, noticias de interese para o autónomo, etc. O número de visitas recibidas ata a data na plataforma telemática serve para dar unha idea do interese que espertan o seus contidos, que están en permanente actualización e ampliación.