Banner da portada



Inicio>Novas>Detalle

26/07/2010
Economía e Industria prorroga o programa de garantías re-Brote para financiar circulante ás empresas

A ampliación do prazo, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, habilitará a presentación de solicitudes ata o próximo 31 de decembro. O programa facilitará operacións de financiamento de circulante por un importe mínimo de 300.000 euros avaladas polo Igape nunha porcentaxe comprendida entre o 40 e o 60%

 

O prazo de presentación de solicitudes ao amparo do programa de garantías re-Brote, destinado a facilitar o financiamento de circulante para as empresas galegas, estará aberto ata o 31 de decembro de 2010, como consecuencia da autorización de prórroga de prazo de vixencia aprobada polo Consello da Xunta e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. Este programa facilita operacións de financiamento de circulante por un importe mínimo de 300.000 euros avaladas polo Igape nunha porcentaxe comprendida entre o 40 e o 60%.

Na formulación inicial, o prazo de presentación de solicitudes para o programa re-Brote remataba o 30 de decembro de 2009, pero a Consellería de Economía e Industria xa decidira prorrogalo ata o pasado 30 de xuño para intensificar os apoios ao financiamento de circulante para autónomos, emprendedores, microempresas e empresas, especialmente afectados polas restricións crediticias. O programa re-Brote prorrógase agora ata o próximo 31 de decembro, para manter en vigor os seus obxectivos; este programa de garantías será complementado polo re-Solve+, xa aprobado pola Consellería e Industria a través do Igape para substituír -ampliando e mellorando- o re-Solve; o re-Solve+ será publicado no DOG en datas próximas.

O programa re-Brote está destinado a facilitar o acceso a liñas de financiamento operativo adicional de empresas medianas e grandes. Pola súa parte, a liña denominada re-Solve+, está orientada a facilitar o acceso ao circulante para as microempresas, as pemes e os autónomos.

Xunto coas principais entidades financeiras que operan en Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Industria, veu realizando durante os últimos meses un importante esforzo para subvencionar custos financeiros e compartir riscos mediante os programas re-Brote e re-Solve; dada a situación económica actual, a Consellería de Economía e Industria estima que resulta imprescindible que a administración manteña esta liña de traballo e comparta riscos co tecido empresarial, coas entidades financeiras e as SGR en determinadas operacións, mediante o afianzamento parcial de liñas de financiamento operativo.



URL fonte





Correo web

Enterpemes

Directorio de Empresas

Temas empresariais