As empresas de recente creación, ás microempresas e as empresas que precisen financiamento para impulsar investimentos destinados a mellorar ou medrar poderán seguir contando cos préstamos habilitados pola Consellería de Economía e Industria no marco do plan re-imaXina, logo de que o Consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) decidise prorrogar ata o próximo 30 de xuño de 2010 o prazo para a presentación de solicitudes, segundo a resolución que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. Durante 2009, o Igape recibiu case 500 solicitudes para financiar préstamos por importe de máis de 11 millóns de euros ao abeiro deste programa.
O reto do programa re-ímaXina é habilitar préstamos subsidiados e avalados para facilitar o financiamento dos novos investimentos impulsados por novas pemes, por pemes que queren medrar ou renovarse para mellorar en competitividade ou por microempresas galegas. O Plan re-imaXina está deseñado para facilitar a concesión polas entidades financeiras de préstamos para investimentos, eliminando dous dos atrancos que adoitan dificultar o acceso ao financiamento das empresas de menos dimensión: as garantías esixidas e os custos de xestión.
As microempresas e pemes beneficiarias deste programa de apoio impulsado polo Igape poderán dispoñer de préstamos que contarán co aval dunha Sociedade de Garantía Recíproca (SGR) polo 80% do importe do financiamento. Nin as entidades financeiras nin as SGR poderán requirir dos solicitantes máis garantías adicionais que as persoais dos promotores da actividade empresarial. Os beneficiarios tampouco deberán pagar á entidade financeira ou a SGR correspondente ningún outro custo derivados da operación acollida a esta liña.