Co obxectivo de dar a coñecer ás principais fontes de recursos públicos ou privados que poden ser de utilidade para o financiamento de investimentos empresariais en Galicia, o Igape e a sociedade estatal Invest in Spain organizan unha xornada informativa de carácter práctico dirixida a directivos e xerentes de empresas que se desenvolverá hoxe no Club Financiero de Vigo.
O Igape, dependente da Consellería de Economía e Industria, e a sociedade Invest in Spain, do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, teñen entre os seus obxectivos comúns a atracción, desenvolvemento e mantemento de investimentos empresariais na comunidade autónoma de Galicia. Asumindo que a compoñente do financiamento é un factor clave para a viabilidade de calquera proxecto de investimento, ambas entidades colaboran para facilitar a aproximación a un mellor coñecemento das fontes de financiamento, de particular interese para os promotores de operacións de investimento.
Na apertura da xornada intervirán o director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, e o conselleiro delegado de Invest in Spain, Javier Sanz. A continuación, o profesor do Instituto de Estudios Bursátiles José Góngora presentará o atlas de fontes de financiamento. Durante o seu relatorio, deterase en aspectos referidos ás características xerais dos tipos de fontes de financiamento, a casuística e restrición das fontes de financiamento, os aspectos esenciais para seleccionar unha fonte, como negociar coas entidades financeiras ou como xestionar as axudas públicas.
No apartado dedicado ao financiamento autonómico, o director de Promoción Empresarial do Igape, Casto Varela Gesto, explicará o variado abano de axudas financeiras e servizos que achega a Xunta de Galicia, en particular a través do Instituto, para facilitar o desenvolvemento de novos investimentos ou a ampliación e consolidación de iniciativas empresariais xa asentadas no territorio de Galicia. A xornada rematará coa exposición dun caso práctico.