Entre empresarios e futuros empresarios o Pazo de Congresos de Santiago rebordou real e virtualmente de participantes na xornada de celebración do Día do Emprendedor en Galicia.
Segundo datos achegados pola organización, o IGAPE e BIC Galicia (en colaboración co Ministerio de Industria), a cifra de público foi alén dos números do ano pasado: conseguiuse que concorreran máis de 2.000 persoas, das que arredor de 400 eran estudantes á procura de retos empresariais ou con cadanseu reto a piques de coller corpo.
Alén do incremento de participantes, no evento tamén se puído rexistrar un máis que notorio medre da presenza do tecnolóxico-dixital: relatores procedentes de empresas directamente ligadas á cuestión (como Google ou as firmas galegas Visual MS e Bit Oceans) e conferenciantes de compañías indirectamente vencelladas ás novas plataformas.
Asemade, houbo accesos á Rede, obradoiros sobre como apoiarse na Internet para dar forma a unha empresa e encontros con especialistas en comunicación en liña dos que adoitan a encher auditorios físicos e virtuais.
Nesta vontade de activar o eido económico e produtivo con “ideas e bos equipos” é onde se situou tamén o conselleiro de Economía, Javier Guerra, quen estivo nas celebración do Día do Emprendedor para animar aos responsables de compañías en activo a seguir o camiño da innovación, e aos empresarios do mañá a non dubidar sobre a comenencia ou non de botarse ao mercado.