O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, visitou esta mañá un novo establecemento adherido á Rede de Comercio Rural Galego. “A Cantina de Julia” está situada no lugar de Salcedo, no concello lucense da Pobra do Brollón. Nos vindeiros días, outros trece establecementos máis estarán en funcionamento repartidos por todo o país, co que a Rede de Comercio Rural Galego contará xa con 18 tabernas adheridas. No acto de inauguración tamén estiveron presentes o delegado da Consellería de Innovación e Industria en Lugo, Ramón Jesús Cortés, e o xerente de Galicia Calidade, Xabier Ignacio Louzao. O departamento autonómico investiu neste proxecto un millón e medio de euros ao longo do ano 2008. Co desenvolvemento da rede a Consellaría quere levar a calidade de vida e dotar de servizos a todas as zonas do noso rural, cumprindo así varios obxectivos, como son: adecuar a oferta comercial ás necesidades da poboación, mellorar a rendibilidade da xestión dos establecementos, crear postos de traballo e dinamizar a economía rural, dotar de novos produtos e servizos ao comercio rural aumentando a súa calidade e comercializar produtos autóctonos e artesanais galegos.
A rede, que contaba até o día de hoxe con catro establecementos piloto repartidos por todo o país e que está promovida pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Innovación e Industria, contará cunha rede de tendas repartidas por toda Galiza e que disporán dun servizo de asesoramento de xestión integral –a través de Galicia Calidade–, unha promoción conxunta das mesmas e formación para os seus propietarios e traballadores. O selo de Comercio Rural Galego garante pois a calidade e o cumprimento da normativa dos mesmos e unha garantía de confianza dos produtos ofertados.
A marca Comercio Rural Galego conleva a oferta dunha serie de produtos mínimos comúns a todos os establecementos da rede, entre os que destacan os produtos locais, ecolóxicos e de artesanía alimentaria co fin de que o comercio rural sexa o referente de produtos frescos de calidade. Así, ademais de produtos frescos (hortalizas, verduras, froitas...) e transformados (mel, viño, lácteos, licores), comercialízanse denominacións de orixe galegas, produtos ecolóxicos co selo de Agricultura Ecolóxica de Galiza, produtos da marca Galicia Calidade e Artesanía de Galicia. Canto aos servizos, existen uns mínimos como os de café-bar, un punto de información turística, un punto de acceso a internet e a posibilidade do pagamento con tarxeta.